O xurado da vixésimo quinta edición do Premio Aresa seleccionou a Traloagro como gañador pola súa aposta polo desenvolvemento sostible, a busca de solucións diversas para poñer en valor o rural e polo seu impacto na sociedade como proxecto.

A gala de entrega do Premio Aresa, que convocan a Universidade de Santiago de Compostela e o grupo Aresa, terá lugar este venres, 21 de febreiro, na Facultade de Veterinaria de Lugo.
O Grupo Aresa e a Universidade de Santiago de Compostela (USC), convocantes do XXV Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, entregaranlle o galardón a Traloagro este venres, 21 de febreiro, nunha gala que terá lugar no auditorio da Facultade de Veterinaria ás 20:00 horas.
O xurado desta edición, na que se recibiron 13 candidaturas, estivo composto polo reitor da USC, Antonio López Díaz; o vicerreitor de Organización Académica e do Campus de Lugo, Francisco José Fraga López; a presidenta de Aresa, Carlota López Pardo; o CEO de Torre de Núñez, José Manuel Núñez Torre, e o exreitor e catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial, Senén Barro Ameneiro. Decantáronse pola candidatura de Traloagro pola súa aposta polo desenvolvemento sostible, a busca de solucións diversas para poñer en valor o rural e polo seu impacto na sociedade como proxecto.
Durante a gala deste vindeiro venres, Senén Barro será o encargado de desenvolver a conferencia maxistral titulada “IA? Ti vai facendo”.
O Premio Aresa está dotado, como vén sendo habitual, con 10.000 euros e unha placa conmemorativa.
CANDIDATURAS PRESENTADAS
Xunto con Traloagro, foron candidatos desta edición Chichalovers, Agrolistik, Aldealista, Asociación Fonte do Milagro, Asociación Mariñas Betanzos, Cátedra do Pan e do Cereal, Proxecto H2GZ Área Viveiro, Muvicla, Asociación Raíña Paraíso, Biogás-Frigoríficos Bandeira, Foro Emprendemento Rural e Gandería Quintián.