A xornada PROePLA organizada na Escola Politécnica do Campus Terra en Lugo abordou algunhas das problemáticas que encaran as explotacións galegas no contexto actual, con novas normas sobre plans de abonado e caderno dixital ás portas
CAMPO GALEGO26/10/2023 4:04 p.m.
Investigadores, técnicos e gandeiros entre o público asistente ás xornadas organizadas por PROePLA
A que retos inmediatos se enfronta a día de hoxe a produción leiteira? Como vai ser o gandeiro do futuro? Son algunhas das preguntas que se abordaron este mércores na xornada formativa organizada polo grupo Proxectos e Planificación (PROePLA) da USC e na que participaron distintas empresas do sector.
Os cambios normativos impulsados desde a UE en materia de medio ambiente, benestar animal, fertilización sostible, redución de praguicidas ou dixitalización van supor un incremento dos custos de produción das explotacións, pero poden ser ao mesmo tempo unha oportunidade para mellorar a eficiencia produtiva das granxas e a súa rendibilidade.
Os distintos ponentes que interviron destacaron a “profesionalidade” dos produtores de leite galegos desde o punto de vista gandeiro e a necesidade facer o mesmo percorrido no eido da produción agrícola e forraxeira, como unha das asignaturas pendentes para o sector.
Como gandeiros somos moi bos, estamos ao nivel dos mellores do mundo, pero a nivel agrícola estamos aínda moi atrás
Coñecer as necesidades reais dos cultivos e o estado do solo, unha fertilización á carta con maior aproveitamento dos abonos orgánicos xerados na explotación e unha escolla de sementes e rotacións máis axeitadas son aspectos fundamentais para incrementar a produtividade das terras ao mesmo tempo que se cumpre coas novas esixencias medioambientais fixadas na nova PAC, no Real Decreto de nutrición sostible de chans agrícolas e na lexislación que desenvolve o Caderno Dixital das explotacións.
Facemos moi mal a fertilización porque traballamos con inercias e ás veces o abonado que se realiza depende do prezo do leite
“O camiño que se recorreu na nutrición animal é o que hai que recorrer agora na nutrición vexetal. Hai anos as racións das vacas leiteiras estaban en niveis de proteína do 18% para producións de 30 litros, hoxe estanse facendo racións co 16% con producións por enriba dos 40 litros”, comparou Henrique Prado, da multinacional biotecnolóxica Alltech.
Dos cambios normativos sobre abonado e fitosanitarios preocúpame máis o control de pragas, porque moitas veces non temos ferramentas para loitar contra elas
“Facemos moi mal a fertilización porque traballamos con inercias e ás veces o abonado que se realiza depende moito de factores tan dispares como o prezo do leite. O reto na produción de forraxes está en facer traballar a biota do solo ao noso favor, porque en Galicia temos un recurso, que é o solo, e moita materia orgánica”, afirmou.
“A nova norma de fertilización é pasar de 0 a 100”
Rubén De Castro, durante a súa intervención nas xornadas PROePLA
Rubén de Castro Soutiño, enxeñeiro agrícola e responsable do departamento técnico do Grupo Aresa, unha empresa luguesa que comercializa anualmente 70.000 toneladas de fertilizantes, alerta “da realidade á que se van ter que enfrontar as explotacións” coa entrada en vigor do Real Decreto de Nutrición Sostible de Chans Agrícolas.
“Imos pasar de 0 a 100, dunha fertilización sen limitacións e que dependía sobre todo do prezo dos abonos, a unha fertilización totalmente controlada, con analítica de solos e limitacións na aplicación de fertilizantes”, indica.
“A normativa polo momento son datos no aire. Fálase dunha redución do 30% de nitróxeno pero, sobre que cantidade? Neste momento non hai establecido un dato límite de abonado. O Ministerio quere facer os vindeiros 3 anos unha toma de datos nas explotacións para establecer despois eses límites”, explica.
O millo e a pradeira son cultivos que utilizan moito nitróxeno e se a ti te obrigan a reducir un 30%, sendo realistas, non vas lograr a produtividade que tes hoxe
Serían necesarias 323 unidades de fertilización nitroxenada para lograr 70.000 quilos por hectárea de millo, uns rendementos que se conseguiron este ano nalgunhas zonas grazas ás temperaturas suaves e as chuvias abundantes que houbo desde a primavera ao outono, exemplifica.
“En Aresa estamos en catro proxectos, tanto supraautonómicos como europeos, de economía circular, estamos traballando con microalgas e con recubrimento de fertilizantes con microorganismos, pero temos que ser realistas, o millo e a pradeira son cultivos que utilizan moito nitróxeno e se a ti te obrigan a reducir un 30%, sendo realistas, non vas lograr a produtividade que tes hoxe. Porque por moito que metas leguminosas para fixar nitróxeno, non vas compensar esa redución do 30%”, asegura.
O prezo do NAC-27 pasou de 800 euros a tonelada a principios de ano a 400-500 € hoxe
A partir do 1 de xaneiro de 2028 cada agricultor terá uns valores de referencia sobre o que poderá abonar. Estes límites máximos están dirixidos aos fósforos e aos nitratos. “Hai que inhibir os produtos ureicos, pero iso incrementa os custos. Hai dúas posibilidades, inhibidor da nitrificación ou inhibidor da ureasa, que andan entre 15 e 50€ a tonelada”, detalla.
Dificultades para os plans de abonado personalizados
Rubén considera que a nova lexislación sobre abonado “está pensada para Castela, onde os chans son todos moi parecidos” pero o seu cumprimento, di, plantexa dificultades en Galicia. “Aquí case cada finca é un mundo. No minifundismo que temos nós, como imos xestionar todo iso?”, pregúntase.
Aínda así, pensa que a obriga de realizar analíticas de solo é un aspecto positivo. “O chan é un organismo vivo. Estou completamente de acordo cos plans de abonado. En Galicia, moitas veces, o baixo pH do chan está bloqueando a absorción dos nutrintes”, asegura. A norma obriga a facer unha analítica de chan de cada parcela como mínimo cada 5 anos en regadío e cada 10 en secaño.
O chan é un organismo vivo, estou completamente de acordo coas analíticas de solos, pero co minifundismo que temos nós, como imos xestionar todo iso?
Desde Aresa ven positivo camiñar cara unha agricultura de precisión pero alertan das dificultades legais e burocráticas coas que se atopan para ofrecer solucións á carta aos seus clientes.
“A nosa idea é facer mesturas personalizadas tanto de sementes como de abonado. Pero á hora de facer estas mesturas estamos limitados pola normativa para ofrecer ao solo xusto o que necesita. Facer mesturas de sementes require moito tempo de antelación, por todos os trámites burocráticos que hai que facer para rexistralas e tampouco se poden facer todas as mesturas de abonos que se queiran por blending”, explica.
Non fan normativas sinxelas, a lei é moi farragosa e enrevesada, e existen trabas á hora de fabricar novos produtos á carta para os nosos clientes
Por iso, pide ás autoridades que faciliten a aplicación da nova normativa. “Queremos unha atención personalizada a cada agricultor, pero estámonos atopando con toda unha serie de impedimentos. Eu como empresa tería capacidade para facelo (toma de datos mediante análise NIRS, introdución no Caderno de Explotación, chamada á fábrica e en 3 días ter ese produto personalizado na finca), pero tal como está hoxe a lexislación iso non é posible, porque hai que pasar por un organismo de conformidade para fabricar esa mestura”, explica.
O Caderno Dixital: burocracia ou ferramenta para mellorar a xestión?
O Real Decreto de Nutrición Sostible está vinculado tamén ao do Caderno Dixital. As aplicacións de fertilizantes deberán levar un rexistro no caderno de explotación a partir do 1 setembro de 2024 no caso de agricultores ou gandeiros con máis de 30 ha de terras de cultivo en secaño e un ano máis tarde para o resto. “É obrigatorio e imprescindible para cobrar as axudas da PAC”, advirte Rubén.
O SIEX do Ministerio é un caderno demasiado sinxelo que non vai facilitar aos agricultores o manexo das súas explotacións
Pero considera que o Caderno Dixital non debe supoñer “unha carga burocrática máis para as explotacións” senón “unha oportunidade para mellorar a súa eficiencia”. “O SIEX do Ministerio é un caderno demasiado sinxelo que non vai facilitar aos agricultores o manexo das súas explotacións. Por iso en Aresa temos a disposición dos nosos clientes unha ferramenta máis completa, un Caderno Dixital que permite a xestión integral da explotación”, indica.
Menos armas contra as pragas
No Caderno Dixital hai que anotar tamén os tratamentos fitosanitarios realizados en cada parcela dentro do mes seguinte á súa aplicación e a UE pretende limitar o seu uso. “A redución do 50% dos praguicidas obriga a acertar moito máis co tratamento, porque por exemplo en anos coma este, no que houbo moito ataque de rosquilla ou de verme, só vas ter unha oportunidade para combater a praga”, advirte.
“Nos fitosanitarios estase a ir cara a produtos non erradicativos, estanse eliminando os sistémicos e indo cara a produtos de contacto, que son menos efectivos. Haberá que facer máis pases, o que supón máis gasto en maquinaria e máis emisión de gases de efecto invernadoiro. Son produtos preventivos que aumentan os custos de produción”, di.
Ademais, requerirá estar máis pendente dos cultivos. “As pragas e enfermidades hai que collelas a tempo, porque se se che escapan non hai con que combatelas. Estou a favor do aceite de laranxa, pero cando hai unha praga importante non lle poido botar só aceite de laranxa, porque non é suficiente; hai que dispoñer de alternativas”, defende Rubén.
Dobre vara de medir fronte aos transxénicos
Para o director técnico de Aresa, outro dos retos importantes que se presentan é o do cambio climático. “Estamos vendo unha redución da produción nos últimos anos e un incremento das pragas. O feito de ter invernos máis suaves ten incidencia no aumento das enfermidades nos cultivos”, asegura.
A extensificación, é dicir, laborear máis terreo para producir o mesmo con menos abonos, é unha alternativa?
“Haberá que irse a novas variedades máis resistentes ao cambio climático”, defendeu, e abriu a espita dos transxénicos. “A UE estanos a poñer moitos límites aos produtores pero non nos está protexendo do que vén de fóra. Ten que haber igualdade nas condicións de produción, temos que xogar todos coas mesmas cartas. Debe haber máis control dos produtos de terceiros países que son competencia directa. Tal como se está facendo hoxe a normativa na UE é un tiro no pé. A nós diríxennos cara unha agricultura que vai aumentar os seus custos”, denuncia.
Para evitar a diminución dos rendementos por hectárea por mor do cambio de paradigma nas precipitacións, di, “haberá que irse a sistemas de regadío, aos que aquí non estamos acostumados, e ampliar superficie para cubrir as necesidades da explotación”. Pero preguntouse se a extensificación, é dicir, “laborear máis terreo para producir o mesmo con menos abonos”, é unha alternativa realista e viable.
Individualizar o animal dentro do rabaño
Persoal de Innogando explicando o funcionamento dos colares Rumi pola tarde na Granxa Experimental da USC
Mario Rouco, da empresa galega Innogando, que fabrica sistemas de monitorización do gando mediante colares intelixentes, defendeu na súa intervención que “o gandeiro do futuro vai ser un empresario tecnolóxico”. “Estamos no mundo dos datos e a tecnoloxía veu para quedarse”, dixo, e asegurou que “o reto para aumentar a eficiencia e produtividade das explotacións leiteiras está en individualizar o animal dentro do rabaño”.
As novas tecnoloxías avanzan moi rápido e todos sabemos a idade que teñen os nosos gandeiros
Mario considerou que existe unha fenda tecnolóxica evidente entre as ganderías intensivas e as extensivas e avogou por reducila. “Temos que intentar profesionalizar o modelo tradicional de pastoreo. Se non medimos non podemos controlar. O gandeiro do futuro ten que ser adaptativo, porque este sector avanza cada vez máis rápido”, insistiu.
O que vai decidir sempre é o gandeiro, con tecnoloxía ou sen ela
Pero detectou varios problemas aínda por solventar para universalizar o uso da tecnoloxía nas granxas: “Temos o hándicap do relevo xeracional; todos sabemos a idade que teñen os nosos gandeiros. E tamén hai un problema evidente de integración dos distintos programas de xestión de datos. Non podemos traballar nunha explotación con media ducia de aplicacións”, dixo.
Finalmente, malia a axuda que poida aportar a tecnoloxía e as ferramentas baseadas na intelixencia artificial, destacou o papel do gandeiro. “A última decisión segue pasando aínda polo gandeiro. Hoxe en día a automatización non é aínda autónoma. Por iso hai explotacións que prefiren montar salas rotativas e non robots de muxido”, valorou.
Prudencia nos investimentos
Jesús Combarro, responsable de banca sectorial da entidade Abanca, falou dos retos de financiamento que afrontan as explotacións para seguiren sendo competitivas, a través da mellora das súas instalacións e o seu crecemento nos últimos anos.
Destacou en positivo o feito de que diante da recente coxuntura de bos prezos cobrados polo leite, “vimos bastante prudencia á hora de acometer investimentos. A principios de ano, cos prezos do leite en máximos históricos, o sector mostrou unha dose de cautela e prudencia, que pensamos que é a que toca ante a incertidume que vivimos. Nesta ocasión percibimos máis cautela que noutras épocas de bos prezos, nas que os investimentos se dispararon”, salientou.
Nesta ocasión percibimos máis cautela que noutras épocas de bos prezos, nas que os investimentos se dispararon
Na súa opinión, “hai que aproveitar a coxuntura de prezos para fortalecer os recursos propios da explotación e pensar moi ben os investimentos que se fan, pensando sobre todo no medio e longo prazo da explotación”, indicou.
“O leasing e renting para maquinaria é unha alternativa que está aí, cun impacto fiscal positivo. Hai que valorar se nos interesa adquirir en propiedade ou non esa máquina, en función do nivel de utilización”, exemplificou.
O sector lácteo ten unha taxa de morosidade inferior á doutros sectores
Tendo en conta os volumes de investimento que se manexan no sector lácteo, a taxa de morosidade é baixa, recoñeceu Jesús. Sen embargo, advertiu, “a suba de tipos pode tensionar a situación”.
Investir en enerxías renovables e superficie agraria
Outro dos aspectos a ter en conta á hora de facer investimentos nunha granxa son as novas normativas medioambientais. “Á hora de realizar investimentos nunha granxa hai que telo en conta. Igual é mellor investir en enerxías renovables na explotación e non en maquinaria, que é algo que se pode externalizar”, indicou Jesús.
O mesmo pasaría cos investimentos en superficie agraria para reducir a compra de insumos de alimentación, que teñen unha importante pegada ambiental. A escaseza de terra é un dos déficits máis habitual das explotacións leiterias galegas, que en moitas ocasións invisten en novas instalacións para medrar en número de cabezas sen que iso vaia acompañado por unha ampliación na mesma medida da súa base territorial.
Investir en sostibilidade é unha oportunidade para incrementar os ingresos da explotación
“Investir en sostibilidade é unha oportunidade para incrementar os ingresos da explotación”, asegurou o responsable de Abanca, tanto polas axudas da nova PAC, como poden ser os ecorreximes, como polas primas vinculadas a parámetros de sostibilidade no prezo do leite. “A cooperativa danesa Arla destinará 500 millóns de euros para as explotacións que reduzan un 30% a súa pegada de carbono para 2030, o que supón até 3 céntimos máis por litro”, exemplificou.
A sostibilidade está impactando tamén de cheo na financiación das granxas. “A actividade agrícola e gandeira non está incluída a día de hoxe no Regulamento de Taxonomía da UE entre as 70 actividades económicas que as autoridades comunitarias consideran que axudan aos obxectivos de redución das emisións de gases de efecto invernadoiro ou á mitigación dos seus efectos (adaptación ao cambio climático)”, explicou Jesús.
A agricultura e a gandería non están incluídas como sectores prioritarios no Regulamento de Taxonomía da UE
“A UE pretende a través do financiamento incentivar aquelas actividades que contribúen á sostibilidade fronte a outras”, indicou. Entre as actividades contempladas no Regulamento de Taxonomía estarían o sector forestal ou o das enerxías renovables, considerando pola contra o sector agrogandeiro como un sector emisor de gases de efecto invernadoiro, sen ter en conta a capacidade de captura e secuestro de carbono da actividade agraria.
O obxectivo da Comisión Europea é reducir as emisións totais nun 55% fronte ás que había en 1990 e no caso concreto da agricultura e a gandería o obxectivo de redución de emisións é do 40% fronte ás que había en 2005. Por iso, insistiu o responsable de Abanca, a entidade pretende acompañar aos seus clientes cara a modelos de negocio máis sostibles.