María do Carmen Fernández Carreira, presidenta de Ovica, recibiu esta noite no auditorio da Facultade de Veterinaria do campus lucense o galardón, impulsado conxuntamente pola Universidade de Santiago de Compostela e polo Grupo Aresa e dotado con 10.000 euros e unha placa conmemorativa.

A cerimonia do Premio Aresa, que congregou personalidades dos eidos social, económico, político e cultural, foi presidida polo reitor da USC, Juan Viaño Rey, ao que acompañaron o fundador e presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras; o delegado da Xunta de Galicia en Lugo, José Manuel Balseiro; o relator invitado este ano, Francisco Sineiro, e José Manuel Panete, conselleiro delegado de Calfensa e membro do xurado desta edición.
Sineiro, experto en desenvolvemento rural, exconselleiro de Agricultura, Gandería e Montes da Xunta de Galicia e actualmente profesor de Economía Agraria na Universidade de Santiago de Compostela, foi o encargado de ofrecer a lección maxistral “O sector lácteo galego no mercado global”.
Seguidamente á conferencia tivo lugar a entrega do galardón por parte do reitor e mais do presidente de Aresa, quen destacou da asociación gañadora que “realiza un gran labor á hora de loitar contra a despoboación do medio rural, permitir o aproveitamento dos nosos recursos facendo posible a conservación dos espazos naturais e qarantir a produción de calidade de carne de ovino e cabrún”.
Valores que tamén puxo de relevo o reitor da USC ao remarcar “a capacidade integradora de Ovica, unha asociación que medrou confiando nos recursos da terra e garantindo unha excelente prestación de servizos especializados aos seus socios”. Viaño fixo especial fincapé no compromiso desta asociación coa innovación tecnolóxica, como o proban as súas colaboracións en proxectos de investigación coa Campus Terra da USC e co Centro Tecnolóxico da Carne. Tamén destacou o labor de formación continua desenvolvido por Ovica coa organización de xornadas técnicas e o acollemento de estudantes universitarios para a realización de prácticas durante os seu estudos.
A Asociación de Ovino y Caprino de Galicia, Ovica, foi creada en 1994 por 13 produtores de gando ovino e cabrún para a defensa dos intereses dos seus socios no conxunto de Galicia. Na actualidade conta con 174 socios, o seu volume produtivo é superior ás 27.000 cabezas e entre os seus obxectivos figuran a estruturación e o desenvolvemento do sector a través de entidades asociativas que afiancen a sanidade e o apoio técnico, a posta en común de solicitudes de axudas e a promoción e comercialización dos seus produtos.
O xurado tivo en conta para facer a Ovica merecedora deste premio a súa especial contribución para xerar riqueza nos ámbitos agrícola e gandeiro, facer posible a sustentabilidade desta actividade na nosa contorna e crear a marca de garantía colectiva Pastores de Galicia.
Outro dos aspectos, como adiantou o reitor, foi o acerto desta asociación ao implicarse co Campus Terra na investigación e o desenvolvemento da súa actividade.
O voceiro de Ovica, Diego Fernández González, agradeceulles aos membros do xurado a entrega deste décimo sétimo Premio Aresa, un recoñecemento que “fai posible que o noso colectivo sexa hoxe un pouco máis visible”. O representante de Ovica lembrouse dos fundadores da Asociación como piares fundamentais de todo o camiño percorrido ata o de agora e adiantou os principais obxectivos polos que apostarán no futuro, entre os que subliñou: “A necesidade de mellorar a formación das novas xeracións para obter cordeiros, cabritos e las da mellor calidade, creando unha escola de pastores en Galicia e regulando a docencia para obter o carné profesional de esquilador de ovellas, así como a aposta decidida pola marca de produción e distribución Pastores de Galicia, que nos identifique e diferencie no mercado como merecemos”.
O palmarés do Premio Aresa
Na traxectoria deste galardón, que xa acadou un recoñecido prestixio no sector, figuran Novafrigsa (2000), o catedrático da USC Javier Guitián Rivera (2001), a Aula de Produtos Lácteos (2002), o exdirector xeral de Agricultura da Comisión Europea, José Manuel Silva (2003), a IXP Ternera Gallega (2004), o programa da Televisión de Galicia O Agro-Labranza (2005), a DO Ribeira Sacra (2006), os impulsores da queixería Casa Macán (2007), a Facultade de Veterinaria de Lugo (2008), Ingapan (2009), Acruga (2010), a SAT Monte de Trabada (2011), Champivil (2012), Alibós Galicia (2013), a DO Queixo San Simón da Costa (2014) e Agroamb (2015).