O prazo de recepción das candidaturas ábrese ata o 28 de outubro.
O vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo da USC, Javier Bueno Lema, e o presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, mais Carlota López Pardo, directora adxunta deste Grupo, deron a coñecer hoxe pola mañá na capital lucense as bases da nova convocatoria deste galardón de recoñecido prestixio que impulsan conxuntamente ambos os organismos.
“Aresa dende os seus comezos dedicouse a temas relacionados co campo, coa xente do campo, coa agricultura e a gandería, ten unha vocación absolutamente agrícola. Este Premio Aresa ten a finalidade de devolverlle ao campo o noso agradecemento, posto que vivimos por e para o campo”, salientou Rodríguez Eiras.
Poderán presentarse tanto proxectos de actividade empresarial coma empresas xa consolidadas ou empresarios/as cunha ampla traxectoria, e tamén traballos de I+D+i, sempre que teñan unha aplicación práctica no sector primario.
As persoas aspirantes deberán entregar a súa proposta e a documentación correspondente nos rexistros dos campus universitarios de Lugo ou de Santiago de Compostela antes das 14.00 h do 28 de outubro deste ano.
Como vén sendo habitual, as candidaturas serán valoradas por un xurado especializado, integrado por destacados/as representantes da Universidade e do mundo da empresa. Na elección do proxecto premiado primarán a viabilidade económica, a creación de emprego e a innovación.
O/a gañador/a, cuxa identidade se fará pública durante o mes de decembro, será recompensado/a cunha dotación de 10.000 euros.
O Grupo Aresa
Aresa é un grupo empresarial familiar con máis de 40 anos de andaina, dedicado á distribución de fertilizantes, pensos e outros produtos para a agricultura e gandería. Conta con 50 empregados/as e unhas instalacións de 15.000 m2 situadas en Lugo e Begonte, ademais de no municipio rabadense.
A empresa matriz, Aresa, xunto coa súa empresa participada Soaga, é líder na cornixa cantábrica e en Galicia, Castela e Portugal, comercializando anualmente 300.000 toneladas de fertilizantes. Dentro desta ampla oferta destaca o famoso Fertimón, así como a liña de fertilizantes especiais Fertiland, deseñada para praderías, milleirais, viñedos e patacas.
Recentemente creáronse outras firmas para satisfacer todas as necesidades da xente do rural: Todocampo, cadea de tendas de produtos para a agricultura, a gandería, a xardinería e as mascotas, e Cecoagro, de fabricación de alimentos para o gando e animais de compañía, e un importante mercado de plásticos de agricultura, sementes e fitosanitarios.
O volume de facturación conxunto de Aresa e de Soaga aproxímase aos 200 millóns de euros.