Traloagro gaña o XXV Premio Aresa grazas á súa aposta polo desenvolvemento rural sostible

Traloagro gaña o XXV Premio Aresa grazas á súa aposta polo desemvolvemento rural sostible

Traloagro

O premio, impulsado conxuntamente polo grupo Aresa e pola Universidade de Santiago de Compostela, está dotado con 10.000 euros e unha placa conmemorativa.  Durante a gala rendeuse homenaxe aos premiados durante as 25 edicións do galardón e a Álvaro Rodríguez Eiras, fundador do Grupo Aresa e creador do Premio, falecido no mes de xaneiro.

A entrega do XXV Premio Aresa de Desenvolvemento Rural a Traloagro reuniu esta tarde no auditorio da Facultade de Veterinaria a personalidades dos eidos social, económico, político e cultural. O acto foi presidido polo reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López Díaz, quen estivo acompañado da presidenta de Aresa, Carlota López Pardo, e a conselleira do Medio Rural, María José Gómez Rodríguez.

Tamén estiveron presentes o resto dos membros do xurado: o vicerreitor de Organización Académica e do Campus de Lugo, Francisco José Fraga López; o CEO de Torre de Núñez, José Manuel Núñez Torre, e o exreitor,  catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial e director científico do CiTIUS, Senén Barro Ameneiro.

O reitor da USC deulle inicio á gala e concedeulle a palabra a Senén Barro, encargado de impartir a conferencia maxistral “IA? Ti vai facendo”, un título co que quixo resumir a maneira na que se está traballando coa intelixencia artificial.

Segundo asegurou o catedrático: “Hoxe en día o que fan as compañías que lideran a investigación e o desenvolvemento da IA no mundo é ir facendo ao seu criterio, sen que teñamos un coñecemento suficiente do que fan nin se supervise convenientemente a súa actuación e resultados”.

Durante o relatorio abordou o impacto da intelixencia artificial na sociedade actual e alertou sobre as posibles consecuencias negativas que pode conlevar.

Deseguido, o vicerreitor de Organización Académica e do Campus de Lugo, Francisco Fraga López, leu publicamente a acta co fallo do xurado na que enumeraron as razóns polas que fora seleccionada a súa candidatura: “A súa aposta polo desenvolvemento rural sostible, a busca de solucións diversas para poñer en valor o rural e polo seu impacto na sociedade como proxecto”.

O reitor da USC e a presidenta de Aresa fixeronlle entrega da placa conmemorativa do Premio Aresa e da parte económica, 10.000 euros, a Isabelle Gómez, socia fundadora de Traloagro.

APOSTA POR  UN RURAL GALEGO VIVO

Isabelle Gómez dirixiuse ao auditorio e comezou agradecendo o premio ao grupo Aresa, á Alvaro Rodríguez Eiras, á Universidade e aos membros do xurado, e deulle paso a un vídeo no que quixeron mostrar “o camiño que foron percorrendo ao longo destes anos para, como fillos de emigrantes, aprender a ser gandeiros”.

Dirixiu unhas palabras de especial agarimo á súa familia e ao equipo de Traloagro e aproveitou a ocasión para resaltar ante a conselleira do Medio Rural “a importancia de crer, apoiar e dinamizar o sector dos produtores ecolóxicos e comprender o labor tan relevante que desenvolvemos”.

Recoñeceuse “orgullosa de ser gandeira” e transmitiu a necesidade de “trasladar ese sentimento ás xeracións vindeiras, así como a obriga de divulgar un consumo consciente, local e ecolóxico”. Finalmente, rematou o seu discurso cunha mensaxe : “Os gandeiros, agricultores e todos aqueles que no seu día a día apostamos por un rural galego vivo, fagámonos valer, porque valemos moito”.

HOMENAXE A ÁLVARO RODRÍGUEZ EIRAS E AOS 25 ANOS DO PREMIO

Tras a entrega do Premio e as palabras de agradecemento do premiado, proxectouse un vídeo en recordo dos 25 anos do Premio Aresa con imaxes de todas as edicións que finalizou recuperando unhas declaracións de Álvaro Rodríguez Eiras, fundador do Grupo Aresa e creador do galardón, falecido o pasado mes de xaneiro, nas que verbalizaba que “o Premio Aresa é un acto de agradecemento á xente do campo, porque o sector sempre puido e sempre poderá saír dos problemas e das dificultades que se presenten”.

Seguidamente, os gañadores das 25 edicións foron recoñecidos cunha insignia conmemorativa da efeméride.

A continuación, interveu Carlota López Pardo, actual presidenta do Grupo Aresa, quen dedicou as súas primeiras palabras a Álvaro Rodríguez Eiras: “Este é un ano especial para nós, porque é o primeiro no que Álvaro non está sentado na mesa. Sen el non existiría a nosa empresa nin estes galardóns e só podo darlle as grazas por ser líder, impulsor e marcarnos o camiño”.

López Pardo agradeceu tamén a todas as persoas que forman parte da familia Aresa, “aquelas que comezaron esta aventura con Álvaro, a todos os que estamos hoxe e aos clientes que confían en nós desde hai máis de 50 anos”. Comprometeuse diante do auditorio a non esquecer as ensinanzas do seu tío e a poñer todo o empeño por continuar co seu legado.

De Traloagro, a presidenta de Aresa, destacou “o espírito emprendedor dos seus fundadores, a súa contribución á loita contra o despoboamento rural e o fomento do tecido empresarial da súa comarca. Tamén a súa innovación constante, a diferenciación e a posta en valor da súa propia produción”.

Deulle as grazas, por último, á Universidade de Santiago de Compostela, por estes 25 anos de estreita colaboración co Premio Aresa, aos membros do xurado –Antonio López, reitor da USC; Francisco José Fraga, vicerreitor do Campus de Lugo; José Manuel Núñez Torre,CEO de Torre de Núñez, e Senén Barro Ameneiro, director científico do CiTIUS,– polo seu esforzo para resolver esta edición e á conselleira e a todos os asistentes, pola súa presenza no acto.

Pola súa banda, o reitor da USC, Antonio López Díaz, recordou con especial cariño a Álvaro Rodríguez Eiras e felicitou unha vez máis a Traloagro e ao resto de candidaturas presentadas nesta edición. A historia deste premio, sinalou, “é un mapa de fitos claves para comprender o avance do rural galego, os grandes pasos, as iniciativas fundamentais que revolucionaron e seguen a transformar o sector agrogandeiro, todas elas baixo o selo do Premio Aresa. É historia, pero tamén é horizonte de futuro para o rural en Galicia”.

A gala foi clausurada pola conselleira do Medio Rural da Xunta de Galicia, María José Gómez Rodríguez, que resaltou como un dos seus obxectivos principais “traballar por implementar medidas e políticas que contribúan a mellorar o benestar da xente que vive no campo, porque atendendo as necesidades do rural, que supón un 95 % do noso país, estamos a beneficiar o 100 % dos galegos e galegas”.

Como unha das fórmulas para acadar esta meta, salientou “a colaboración entre as administracións e o sector primario, algo que tamén sucede con este Premio que xurdiu da unión entre a USC e o grupo Aresa”.

Felicitou a Traloagro, como premiado, ao resto de candidaturas, “por liderar iniciativas que non só queren vivir do rural senón tamén para o rural”, e finalizou a súa intervención cun recordo a Álvaro Rodríguez Eiras, “un visionario que soubo adiviñar a importancia de impulsar e modernizar o rural como base para o desenvolvemento do noso territorio”.

RESTO DE CANDIDATURAS PRESENTADAS

Xunto con Traloagro, presentáronse como candidatos desta edición Chichalovers, Agrolistik, Aldealista, Asociación Fonte do Milagro, Asociación Mariñas Betanzos, Cátedra do Pan e do Cereal, Proxecto H2GZ Área Viveiro, Muvicla, Asociación Raíña Paraíso, Biogás-Frigoríficos Bandeira, Foro Emprendemento Rural e Gandería Quintián.

O PALMARÉS DO PREMIO ARESA

Na traxectoria deste galardón, que xa acadou un recoñecido prestixio no sector, figuran Novafrigsa (2000), o catedrático da USC Javier Guitián Rivera (2001), a Aula de Produtos Lácteos (2002), o exdirector xeral de Agricultura da Comisión Europea, José Manuel Silva (2003), a IXP Ternera Gallega (2004), o programa da Televisión de Galicia O Agro-Labranza (2005), a DO Ribeira Sacra (2006), os impulsores da queixería Casa Macán (2007), a Facultade de Veterinaria de Lugo (2008), Ingapan (2009), Acruga (2010), a SAT Monte de Trabada (2011), Champivil (2012), Alibós Galicia (2013), a DOP Queixo San Simón da Costa (2014), Agroamb (2015), a Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galica, Ovica (2016), a Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo, EPS (2017), o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, Craega (2018), a Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta, Asoporcel, (2019), Cooperativa A Carqueixa (2020), EFA Fonteboa (2021), Casa Grande de Xanceda (2022) e a Moexmu (2023).