Este venres remata o prazo de presentación de candidaturas á edición de 2015 do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, convocado pola Universidade de Santiago de Compostela e o Grupo Aresa.
O galardón está dirixido a entidades, empresas, grupos de investigación ou persoas cuxas iniciativas contribúan á mellora do medio rural galego. Teñen cabida tres tipos de propostas con aplicación práctica no sector primario: proxectos de actividade empresarial, actividades empresariais innovadoras e traballos de I+D+i.
Os aspirantes deberán entregar a documentación correspondente nos rexistros dos campus universitarios de Lugo (no Edificio da Biblioteca Intercentros) ou de Santiago de Compostela (no Colexio de San Xerome) antes das 14.00 h deste venres 30 de outubro.
Un xurado especializado analizará todas as candidaturas e dará a coñecer publicamente o nome da gañadora durante a segunda quincena de decembro.
O Premio Aresa está dotado con 10.000 euros.