O prazo de presentación de candidaturas á novena edición do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, promovido pola USC e a compañía Aresa, rematará a vindeira semana, o venres 17. Os rexistros dos campus de Santiago e de Lugo serán os lugares onde se deberán presentar as candidaturas. O gañador percibirá dez mil euros, o galardón mellor dotado na súa especialidade que se outorga en Galicia.
O Premio Aresa pretende incentivar a investigación e o desenvolvemento, así como as iniciativas empresariais innovadoras na agricultura e gandería de Galicia. Está organizado pola Universidade de Santiago e Aresa, unha compañía lucense de fertilizantes e productos gandeiros en España e Portugal.
As últimas edicións do Premio Aresa suscitaron un grande interese entre a comunidade científica galega e o empresariado. O premio recaeu na súa primeira edición na industria cárnica Novafrigsa, mentres que no 2001 foi recoñecido o investigador Javier Guitián Rivera, por un estudo sobre a Serra do Courel. Na terceira edición distinguiuse a Aula de Productos Lácteos de Lugo. Na cuarta o galardón correspondeulle a José Manuel Silva Rodríguez, daquela director xeral de Agricultura na Comisión Europea e na actualidade director xeral de Investigación na UE. O quinto premio foi para a Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega, o sexto para o programa de Televisión de Galicia «O Agro-Labranza», por ser testemuña directa da transformación da cultura agraria e do espazo rural. Na sétima edición valorouse o labor do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, e o ano pasado distinguiuse a iniciativa empresarial de Eladio Rigueira Sobrado, propieterio da empresa Queixería Casa Macán.