A Universidade de Santiago e o grupo empresarial de subministros agrogandeiros Aresa manterán aberto ata o día 15 de novembro o prazo para presentarse ao Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, que se renova nesta XIV edición para axustarse á conxuntura económica actual, co requisito indispensable de tratarse dun proxecto que mellore a calidade de vida e o benestar das persoas que viven e traballan no medio rural galego.
O Premio Aresa conta cunha dotación económica de 10.000 euros, que se destinará a un único proxecto no que se primará a súa viabilidade, a creación de emprego e a posta en valor dos produtos da terra. Para facer unha valoración ecuánime dos candidatos este ano formarase un comité de expertos que analizarán eses tres rasgos.
O obxectivo do cambio das bases do premio este ano é axudar a impulsar todas as iniciativas que hai actualmente no rural, poñelas en valor e premiar a que se considere máis viable, xa que a viabilidade é imprescindible en calquera proxecto empresarial hoxe en día.
Outro dos cambios desta edición será que as candidaturas faranse públicas co obxectivo de dar a coñecer aos medios de comunicación os proxectos que hai en marcha en Galicia para que podan conseguir o respaldo doutras empresas ou institucións. Un xeito de dar a coñecer esta iniciativa é a posta en marcha dunha páxina na rede social Facebook (https://www.facebook.com/Premio.Aresa) na que poderán consultarse os proxectos que se vaian presentando, así como as distintas particularidades do Premio.
O premio acollerá dous tipos de candidaturas: empresas en calquera das súas fases de desenvolvemento e traballos de I+D+i. As propostas, como sempre, poden facerse en nome propio ou no nome doutros, do mesmo xeito que o tribunal se reserva a opción de presentar propostas alternativas.
Nesta ocasión o prazo de presentación de candidaturas rematará o 15 de novembro, algo máis tarde do habitual porque esta edición se presentou co retraso motivado polo cambio das bases. Como sempre, a elección do gañador será antes do Nadal e a entrega no mes de xaneiro.
A contía do premio, de 10.000 euros, convirte a esta convocatoria nunha das máis relevantes do sector. Ademais, este ano, ofrecerase a posiblidade á empresa gañadora de solicitar asesoramento e axuda para o desenvolvemento do proxecto.