Esta mañá a Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo acolleu o acto de inauguración da Aula Aresa. Un acto que foi presidido polo vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Javier Bueno Lema, o decano da Facultade de Veterinaria,Germán Santamarina Pernas e o fundador e presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras.
No trascurso do evento, Germán Santamarina agradeceu a implicación de Aresa coa Universidade e subliñou que “este novo espazo será adicado a todo tipo de actividades docentes e académicas como clases, lecturas de traballos fin de grado e teses, cursos desenvoltos por empresas ou departamentos da propia Facultade, conferencias etc.”
Este proxecto, enmarcado entre as necesidades reestructurais desta facultade, responde tal e como sinalou Santamarina a “adaptar os espazos á tipoloxía e metodoloxía de ensinanza esixida polo Espazo Europeo de Educación Superior”.
Pola súa banda, o presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, agradeceu as palabras do decano así como a colaboración da Facultade de Veterinaria neste proxecto e salientou que esta nova achega do grupo á Universidade responde “ao compromiso que Aresa ten coa Universidade, en especial co Campus Terra, co fin de apoiar a investigación de novas iniciativas e proxectos que contribúan ao desenvolvemento e progreso do sector agrogandeiro”.
Finalmente, Javier Bueno clausurou o acto agradecendo a intensa e constante colaboración de Aresa co labor docente e investigador, “un apoio que comezou xa hai 17 anos co inicio do Premio Aresa e que continúa enriquecéndose con moitas máis iniciativas coma esta”.