O grupo XuvenCiencia da USC cita ata o 2 de xullo no Campus de Lugo 65 estudantes preuniversitarios de toda Galicia, Barcelona, Madrid e Álava nun campamento estival estruturado en proxectos e obradoiros científicos.
A novena edición do Campus de Verán XuvenCiencia, un programa de convivencia e divulgación científica promovido polo grupo de innovación docente XuvenCiencia da USC e patrocinado por Aresa, deu os primeiros paseos este luns sobre o adarve da muralla romana de Lugo, que foi o primeiro escenario polo que os 65 estudantes preuniversitarios inscritos neste campamento de divulgación científica (mozas e mozos procedentes das catro provincias galegas e outros chegados de Madrid, Barcelona ou Álava), acompañados de docentes e monitores, completaron un itinerario cultural e medioambiental que os levou polo Camiño Primitivo ata as ribeiras dos ríos Miño e Rato.
A expedición estudantil detivo a súa marcha matinal nas inmediacións da Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo, onde a vicerreitora Montserrat Valcárcel, acompañada da coordinadora do grupo XuvenCiencia, Mercedes Novo; así como da concelleira de Desenvolvemento Local e Emprego do Concello de Lugo, Ana González Abelleira; a deputada provincial Pilar García Porto; a xefa territorial de Educación, Mariña Gueimunde, e a adxunta á presidencia de Aresa, Carlota López Pardo, ofreceron un acto de acollida á mocidade participante, ao tempo que, logo de felicitar aos organizadores desta iniciativa, lle trasladaron os seus mellores desexos para esta peculiar experiencia universitaria.
A primeira xornada do Campus de Verán XuvenCiencia 2021 mantivo ao estudantado en marcha. Así, logo dun achegamento ao casco histórico lugués desde a muralla e coas explicacións de profesorado implicado no campus, as mozas e mozos prolongaron a súa camiñada ata a ponte romana do río Miño, desde a que avanzarían máis tarde ata o parque periurbano do río Rato, un treito no que tamén tiveron ocasión de coñecer, entre outros contidos, as pesqueiras de anguías nos caneiros. Esta rota cultural e medioambiental tivo como colofón o relatorio ‘Codeseñar o noso futuro’, a cargo da doutora e investigadora biomédica lusa Joana Magalhâes. A sesión poderá seguirse a través de streaming e tamén da canle de YouTube do Campus Terra na seguinte ligazón.
A xornada de apertura do Campus de Verán XuvenCiencia permitiu á mocidade participante coñecer a contorna na que permanecerán ata o venres 2 de xullo, un período no que agrupados en equipos burbulla de 5 ou 6 integrantes, os novos científicos poderán desenvolver e participar nos dez proxectos científicos programados (Análises clínicas: Que me pasa, doutora?, Animal CSI: realidade ou ficción?, Aqualab, Sistema de monitorización ambiental con arduino, Árbores en tubos de ensaio, Controla e constrúe robots!, Estratexias para o desenvolvemento dunha idea, Fotosíntese artificial, Impresión 3D: Converte unha idea en realidade, Investigando as Proteínas e Novas miradas docentes, así como no obradoiro de medios de comunicación 5W Obradoiro de xornalismo.
A esta oferta súmanse obradoiros de tarde para a representación gráfica de datos e a elaboración de vídeos de divulgación científica e de YouTube, que despois participarán en concurso no Festival de Vídeos XuvenCiencia. Haberá, ademais dalgunha sorpresa, charlas divulgativas e unha auténtica Feira de Ciencia no Campus de Lugo, que se desenvolverá ao longo da xornada do venres 2 de xullo.