Entrevista | José Manuel Rodríguez
José Manuel Rodríguez González preside desde a súa fundación -hai pouco máis de dez anos- o consello regulador da denominación Ribeira Sacra. O premio Aresa, ao seu xuízo, «é gratificante porque está ben que recoñezan o noso labor, pero hai que pensar que aínda non chegamos a ningunha meta e que temos moito por facer».
-Hai dez anos isto empezou como unha utopía, como un neno que acaba de nacer e non sabes o que vai dar de si. Afortunadamente, o pequeno sorprendeunos dunha maneira moi positiva. O desenvolvemento da viticultura foi un raio de esperanza para moita xente nunha zona deprimida e, a maiores, serviu para dinamizar outros sectores, como o turismo.
-¿Que foi o máis complicado nestes anos?
-En pouco tempo pasamos dun mundo pequeno, no que a elaboración do viño era unha actividade a tempo parcial ou un pasatempo, a outra situación totalmente distinta. Houbo que adaptarse á realidade do mercado, buscar o noso sitio, profesionalizarse, competir… De todos os xeitos, o crecemento foi rápido.
-¿É suficiente o apoio das institucións?
-As administracións axúdannos, con mellor ou peor criterio, pero non van vir cavarnos as viñas nin poden resolvernos todo. O máis importante é que o sector crea en si mesmo.
-¿Que perspectivas hai de que se incorpore xente nova para continuar esta actividade no futuro?
-É máis fácil que noutras actividades agrícolas, porque a viticultura ten un certo caché, un atractivo importante. Non é vista como outras actividades do campo, que parecen como de segunda orde. De feito, xa está a incorporarse xente nova. Hai que seguir loitando para que a xente viva deste traballo, porque o mercado é o que é e a competencia é moita.
-¿Hai unha boa coordinación entre a viticultura e o turismo na zona?
-É preciso entender que a Ribeira Sacra é un conxunto no que todos debemos axudarnos a todos. Non pode ir cada un polo seu lado. Ten que haber cooperación estreita entre os que teñen adegas e os que teñen casas de turismo rural, restaurantes, empresas turísticas… Iso é algo que non sucede sempre. Por exemplo, aínda hai restaurantes que non inclúen os nosos viños na súa carta, ou que non os poñen en lugar preferente.