Aresa e a USC inician a edición 2020 do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural

Convenio premio aresa 05
  • O acto tivo lugar esta mañá como vén sendo habitual no salón reitoral do Colexio San Xerome, en Santiago de Compostela.
  • Será unha edición marcada polo marco sanitario e a irrupción no campo da covid-19.

 16.11.2020. O presidente do grupo Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López Díaz, asinaron esta mañá o convenio de colaboración que dá comezo a edición do ano 2020 do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural. No acto, celebrado no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome en Santiago de Compostela, tamén estiveron presentes Montserrat Valcárcel Armesto, vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, e Carlota López Pardo, adxunta á presidencia de Aresa.

Esta firma é o inicio dunha nova convocatoria deste galardón co que Aresa e a USC premian cada ano diferentes iniciativas e proxectos presentados por empresas, grupos de investigación, asociacións ou calquera outro tipo de entidade que contribúa á mellora do benestar das persoas que viven e traballan no medio rural.

Este ano, a edición será máis especial ca nunca, pois estará marcada polo marco sanitario no que estamos e a nova realidade que marcou inesperadamente a chegada da covid-19.

Os representantes de ambas entidades coincidiron ao subliñar que a covid-19 constatou a importancia do sector agrícola e gandeiro como motor económico e fonte de riqueza de Galicia, afectoulle á engrenaxe e ao día a día de moitas empresas e colectivos, pero tamén abriu as portas a novas formas de vida nas que o rural se contempla como saída e futuro.

O reitor da USC resaltou a necesidade de seguir apoiando este tipo de proxectos para a dinamización do rural e o presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, ademais de agradecer o apoio recibido ano tras ano pola Universidade, destacou que nesta ocasión se quere axudar e valorar as iniciativas que redefiniran o seu modelo de negocio durante a pandemia, creasen un novo proxecto ou axudasen a outros nesta nova realidade.

ABERTO O PRAZO DE PRESENTACIÓN DAS CANDIDATURAS

Tras a sinatura protocolaria deste convenio, explicaron que a presentación de candidaturas pode realizarse xa nos rexistros, tanto físico como electrónico, dos campus de Lugo e Santiago de Compostela dende hoxe mesmo ata o 31 de decembro ás 14:00 h.

Como novidade tamén neste ano, Aresa e a USC presentarán aos finalistas e darán a coñecer o gañador nun mesmo acto que se celebrará no mes de xaneiro de 2021.

PREMIADOS ANTERIORES  

Na traxectoria deste galardón, que xa acadou un recoñecido prestixio no sector, figuran Novafrigsa (2000), o catedrático da USC Javier Guitián Rivera (2001), a Aula de Produtos Lácteos (2002), o ex director xeral de Agricultura da Comisión Europea, José Manuel Silva (2003), a IXP Ternera Gallega (2004), o programa da Televisión de Galicia O Agro-Labranza (2005), a DO Ribeira Sacra (2006), os impulsores da queixería Casa Macán (2007), a Facultade de Veterinaria de Lugo (2008), Ingapan (2009), Acruga (2010), a SAT Monte de Trabada (2011), Champivil (2012), Alibós Galicia (2013), a DOP Queixo San Simón da Costa (2014), Agroamb (2015), a Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galica, Ovica (2016), a Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo, EPS (2017), o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, Craega (2018) e a Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta, Asoporcel, que resultou gañadora do premio na edición de 2019.