A vicepresidenta do grupo Aresa, Carlota López Pardo, e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López Díaz, asinaron esta mañá o convenio de colaboración que pon en marcha a edición do ano 2023 do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural. No acto, celebrado na sala de prensa do Pazo de Montenegro, tamén estivo Francisco José Fraga López, vicerreitor de Organización Académica e do Campus de Lugo.
Grazas a esta sinatura Aresa e a USC dan por iniciada unha nova convocatoria do galardón co que premian cada ano diferentes iniciativas e proxectos presentados por empresas, grupos de investigación, asociacións ou calquera outro tipo de entidade que contribúa á mellora do benestar das persoas que viven e traballan no medio rural.
López Pardo agradeceu o apoio recibido ano tras ano pola Universidade e destacou “o prestixio que esta lle presta ao galardón”.
Pola súa parte, o reitor, Antonio López, amosou de parte da Universidade a satisfacción de ter confiado dende o principio nunha iniciativa como o Premio Aresa, que calificou como “un exemplo de conexión entre a Universidade e a empresa privada, relación cada vez máis demandada por toda a sociedade”.
Tras a sinatura protocolaria deste convenio, explicaron que na avaliación das candidaturas o xurado prestará especial atención aos proxectos que xeren valor engadido e emprego no rural galego, á súa viabilidade económica, á creación de postos de traballo, á posta en valor dos produtos da terra de tradición galega, á recuperación de subsectores agrícolas e gandeiros tradicionais e á innovación en produtos que teñan potencial de desenvolvemento.
A vicepresidente de Aresa adiantou tamén as persoas que formarán parte do xurado desta edición: “Os responsables de avaliar as candidaturas serán o reitor da USC, Antonio López Díaz; o vicerreitor de Organización Académica e do Campus de Lugo, Francisco José Fraga López; o presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras; a conselleira e directora de Markéting e Exportación de Aceites Abril, Elena Pérez Canal, e a catedrática de Tecnoloxía dos Alimentos da USC, Ángeles Romero.
A presentación de candidaturas pode realizarse xa dende hoxe mesmo ata o 12 de xaneiro nos rexistros da USC.
As bases do certame están dispoñibles nesta ligazón.
PALMARÉS DE PREMIADOS
Na traxectoria deste galardón, que xa acadou un recoñecido prestixio no sector, figuran Novafrigsa (2000), o catedrático da USC Javier Guitián Rivera (2001), a Aula de Produtos Lácteos (2002), o exdirector xeral de Agricultura da Comisión Europea, José Manuel Silva (2003), a IXP Ternera Gallega (2004), o programa da Televisión de Galicia O Agro-Labranza (2005), a DO Ribeira Sacra (2006), os impulsores da queixería Casa Macán (2007), a Facultade de Veterinaria de Lugo (2008), Ingapan (2009), Acruga (2010), a SAT Monte de Trabada (2011), Champivil (2012), Alibós Galicia (2013), a DOP Queixo San Simón da Costa (2014), Agroamb (2015), a Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galica, Ovica (2016), a Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo, EPS (2017), o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, Craega (2018), a Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta, Asoporcel, (2019), Cooperativa A Carqueixa (2020), EFA Fonteboa (2021) e Casa Grande de Xanceda (2022).