Entregado o III Premio Aresa Júnior de Desenvolvemento Rural

Premio_aresa_junior_2016

O grupo de estudantes do proxecto “Prácticas de enfermería” do IV Campus de Verán XuvenCiencia de Lugo foi distinguido hoxe polo grupo Aresa entre un total de 27 candidaturas.

Esta tarde tivo lugar na Facultade de Veterinaria de Lugo, no transcurso da festa de clausura da edición de 2016 do XuvenCiencia, a entrega do Premio Aresa Júnior de Desenvolvemento Rural que concede por terceiro ano consecutivo o grupo Aresa.

A convocatoria xuntou máis de 130 participantes, rapazas e rapaces de toda Galicia estudantes de 4.º da ESO e de 1.º de BAC que do 27 de xuño ao 1 de xullo, dentro do programa de actividades deste Campus de Verán, levaron a cabo diversos proxectos científicos baixo a dirección de profesores da Universidade de Santiago de Compostela.

O fallo dos membros do xurado converteu en gañadores do III Premio Aresa Júnior a Noelia Serrano Abraldes, Fátima Fernández García, José Joao Lopes Tatá, Lucía Fernández Vilela, Alicia García Arrojo e Ángeles Gómez García.

O premio, consistente nun diploma honorífico e nuns auriculares con bluetooth, foilles entregado en man por Carlota López, adxunta á presidencia de Aresa.