O prazo para presentar candidaturas ao XXIV Premio Aresa péchase este venres

Firma_aresa2023 1_

Este vindeiro 12 de xaneiro remata o tempo para rexistrar candidaturas á edición de 2023 do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, convocado pola Universidade de Santiago de Compostela e o Grupo Aresa. 

A Organización da vixésimo cuarta edición do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural concluirá o prazo para presentar as candidaturas este venres 12 de xaneiro.

As bases están dispoñibles na web www.aresa-agricola.com e os aspirantes deben entregar a documentación correspondente nos rexistros xerais, tanto físico como electrónico, dos campus universitarios de Lugo ou de Santiago de Compostela.

O galardón está dotado, como vén sendo habitual, con 10.000 euros e un diploma de mérito.

O reitor da USC, Antonio López Díaz; o vicerreitor de Organización Académica e do Campus de Lugo, Francisco José Fraga López; o presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras; a conselleira e directora de Markéting e Exportación de Aceites Abril, Elena Pérez Canal, e a catedrática de Tecnoloxía dos Alimentos da USC, Ángeles Romero, serán os responsables de revisar todas as candidaturas presentadas e darán a coñecer publicamente o nome da gañadora nunha data aínda sen determinar.

PREMIADOS ANTERIORES 

Na traxectoria deste galardón, que xa acadou un recoñecido prestixio no sector, figuran Novafrigsa (2000), o catedrático da USC Javier Guitián Rivera (2001), a Aula de Produtos Lácteos (2002), o exdirector xeral de Agricultura da Comisión Europea, José Manuel Silva (2003), a IXP Ternera Gallega (2004), o programa da Televisión de Galicia O Agro-Labranza (2005), a DO Ribeira Sacra (2006), os impulsores da queixería Casa Macán (2007), a Facultade de Veterinaria de Lugo (2008), Ingapan (2009), Acruga (2010), a SAT Monte de Trabada (2011), Champivil (2012), Alibós Galicia (2013), a DOP Queixo San Simón da Costa (2014), Agroamb (2015), a Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galica, Ovica (2016), a Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo, EPS (2017), o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, Craega (2018), a Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta, Asoporcel, (2019), Cooperativa A Carqueixa (2020), EFA Fonteboa (2021) e Casa Grande de Xanceda (2022).