O gañador da vixésima edición do Premio Aresa é Asoporcel

Fallo_premioaresa2019


EN VÍDEO

O vicerreitorado do Campus de Lugo foi o lugar elixido para dar a coñecer  o gañador desta edición do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, que convocan a Universidade de Santiago de Compostela e o grupo Aresa. Entre as 13 candidaturas presentadas este ano, finalmente o galardón foi para Asoporcel, Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta, pola posta en valor desta raza autóctona galega e dos seus produtos.

Os cinco membros do xurado, integrado polo reitor da USC, Antonio López Díaz; a vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto; o presidente do grupo Nogar e da Asociación Galega da Empresa Familiar, Víctor Nogueira García; o catedrático de Medicina Legal da Universidade de Santiago de Compostela, investigador e experto internacional en xenética, Ángel Carracedo Álvarez, e o presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, reuníronse esta mañá para avaliar as trece candidaturas presentadas e deron a coñecer o nome do galardoado nunha conferencia de prensa celebrada no vicerreitorado do Campus lucense. Finalmente a vencedora desta vixésima edición do Premio Aresa foi Asoporcel, Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta.  

Os membros do xurado prestaron especial atención a aquelas candidaturas que xerasen postos de traballo de calidade no rural, que puxesen en valor os produtos da terra, que recuperasen subsectores agrícolas e gandeiros tradicionais con potencial para desenvolverse e que buscasen innovar en produtos e métodos produtivos. Neste senso, Antonio López afirmou que “a candidatura foi elixida por unanimidade por cumprir con todos os requisitos das bases do Premio”.

O reitor da USC engadiu que “Asoporcel, proxecto nacido en 1999, abarca xa a máis de 135 socios, máis de 3.000 cabezas de gando porcino e un volume de facturación de máis de un millón de euros. É merecedor do premio pola posta en valor da raza e dos seus produtos feitos en Galicia”.

O presidente do Grupo Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, agradeceu a todos os membros do xurado o seu traballo e esforzo para tomar a decisión acertada e anunciou a data da gala de entrega do premio: “Será o vindeiro 28 de febreiro de 2020 no auditorio da facultade de Veterinaria do Campus de Lugo”.

Ademais, o reitor da Universidade recoñeceu a calidade do resto de propostas presentadas: Traballos realizados sobre agricultura galega, presentados por Ramón Fuentes Colmeiro; Greenalia SA; Cátedra do pan e do cereal, de M. Belén García, Ángeles Romero e Santiago Pereira; Creación e lanzamento da marca de calidade Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, por parte da Asociación de Desenvolvemento Rural “Mariñas de Betanzos”; Confederación de Empresarios de Lugo; Proxecto museístico do Museo Vivo e Integrado do Campo e da Locomoción Agraria (Muvicla), por Marcos Vázquez Marey; Proxecto Cultivando Galicia, de Pablo Antonio Fraga Gontán; Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida Cebreiro; Centro de Promoción Rural EFA-Fonteboa; Gandería Quintiáns; Coren Cooperativas Ourensás, e Cooperativa A Carqueixa.